miércoles, 9 de noviembre de 2016


A BANDA MUNICIPAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Banda Municipal de Santiago comeza a súa andadura aló polo mes de maio de 1848, cando o membro máis entusiasta da Comisión de Beneficencia, comeza a negociar co consistorio a cesión de instrumentos e uniformes dunha desartellada Banda da Milicia Nacional e que levaban sen usar cinco anos; con intención de facilitárllelos a uns hospicianos que se atopaban aprendendo música co integrante da capela catedralicia, Francisco Bañeras. O día de San Roque daquel ano de 1848, a Banda comezaría unha viaxe de case 170 anos... Por suposto, para pasar daquela Banda á actual, o camiño non foi doado.

Son case dous séculos nos que se vai dunha agrupación meramente educativa, ao estadio intermedio do músico amateur ata chegar a ter, finalmente, un carácter eminentemente profesional, pero sempre manténdose como unha agrupación señeira e de referencia en Galicia, con momentos críticos puntuais. Pero sobre todo como símbolo e bastión dunha cidade: Compostela. Alí onde a Banda acudía, alí deixaba a estela de Santiago; acadando os máis relevantes premios en certames por toda a xeografía galega e presenciando con absoluto orgullo a chegada de peregrinacións a cidade; momentos tan destacados coma en 1985 cando é declarada Cidade Patrimonio da Humanidade ou en 2000, Capital Cultural Europea.

Entre os seus directores atopamos importantes músicos relixiosos, militares e civís, con carreiras de gran prestixio ás súas costas:

-        Francisco Bañeras Torres (1848-1863)
-        Andrés Gómez Cidre (1863-1892)
-        Manuel Chaves Rodríguez (1892-1894)
-        Eusebio Alíns Juanós (1894)
-        Juan María López (1895-1906)
-        Antonio García Jiménez (1907)
-        Francisco Martínez Martínez (1907-1920)
-        Ricardo Fernández Carreira (1921-1927)
-        Pedro Córdoba Rozas (1928)
-        Perfecto López Elcid (1928-1931)
-        Ignacio Rodríguez Rodríguez (1931-1935)
-        Bernardo del Río Parada (1936-1944)
-        José Goterris Rambla (1944-1953)
-        *Director Honorario Julio Gómez (1951)
-        Moisés Davia Soriano (1954)
-        Pedro Echevarría Bravo (1954-1965)
-        Amador J. Santos Bartolomé (1967-2007)
-        Casiano Mouriño Maquieira (2007-2009)
-        Xosé Carlos Seráns Olveira (2009-2013)
-        Juan Miguel Romero Llopis (2013-2016)

Ao igual que entre os seus músicos, atopando a Gerardo Gómez Veiga "Curros", Ángel Brage, Rosendo Mato Hermida, Ramón Inocente Expósito, Ildefonso Marcelino Batanero Bartolomé, José Fiúza Lestón...

En definitiva, a Banda Municipal de Santiago descúbrese ante nós, xa non só como unha das agrupacións musicais civís máis antigas do panorama bandístico español, senón como unha agrupación viva, implicada na realidade política, histórica, social e cultural que lle tocou vivir dende aquel ano de 1848, pero tamén implicada na cidade. A catedral, a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, a Universidade, o teatro, as rúas, a Alameda... non hai espazo que non se deixara invadir pola súa música e polos seus integrantes.
Pero ademais de mostrarse como conxunto, plasma a grande calidade humana que sempre reinou entre os seus integrantes, dende directores de prestixio ata os músicos. Músicos, moitos formados xa como hospicianos, que trasladaron a súa mestría á propia agrupación e a outras colectividades musicais e que foron parte implicada no rexurdimento musical que fixo que Galicia gozara dun elevado nivel musical.


Animámolos a disfrutar desta histórica agrupación musical, unha das -cada vez menos- que resisten aos tempos actuais e poder, concerto a concerto, ir descubrindo e valorando parte do noso patrimonio histórico, cultural e musical.

No hay comentarios:

Publicar un comentario